Monday 29 de April de 2024

SonDeSeu chega ao Teatro Colón para celebrar dúas décadas de música folk


A orquestra actuará mañá (20.30 horas) no recinto municipal, unha das catro citas da súa xira especial polo seu 20 aniversario

O Teatro Colón ábrelle as súas portas á orquestra SonDeSeu cun concerto que se realizará mañá, venres, ás 20.30 h. Esta é a terceira parada da orquestra na súa xira especial polo 20 aniversario da formación, que celebra dúas décadas de promoción e evolución do folclore galego con catro actuacións únicas e especiais en formato acústico nas cidades de Vigo, Lugo, Santiago de Compostela e A Coruña.

SonDeSeu naceu no 2002 co obxectivo de poñer en valor a música popular e de raíz, explorando a súa fusión e mestura con elementos contemporáneos. Ademais, a Orquestra Folk de Galicia ten unha vontade divulgativa, que se manifesta nos numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk como o ‘Libro branco da Educación en Música tradicional’ ou a posta en marcha da Rede Europea de Orquestras Folk ENFO. Unha forma de poñer en valor a música tradicional fóra dos escenarios e de darlle continuidade no tempo e na historia da música galega.

As entradas para o concerto previsto este venres no Teatro Colón (20.30 horas) teñen un custo de entre 10 e 16 euros, segundo a zona escollida. Pódense mercar a través da páxina web Ataquilla.com, así como no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas). Os pases tamén se poderán adquirir o día da actuación, no despacho de billetes do Teatro Colón, desde dúas horas antes do comezo da función, sempre que haxa entradas dispoñibles